Galeguidade empresarial de Embutidos Lalinense

O foro Enrique Peinador, da man do seu presidente Xosé González Martínez , convidounos a falar do noso proceso de galeguización como empresa, no acto de homenaxe a Ramón Castromil polo labor de galeguización que acometeu hai xa 30 anos.

Ademais das autoridades presentes como a alcaldesa de Santiago Goretti Sanmartín Rei, do secretario xeral de Política Lingüítica Valentín García Gómez, dos reitores das universidades galegas, estiveron representantes de importantes empresas galegas como Navantia e Seguridade A1, que tamén interviñeron neste acto.

Foi unha honra participar nun acto de homenaxe, e tamén de reivindicación do uso do galego noutros ámbitos, como o empresarial; para nós, sentir orgullo de ser galeg@s e ter lingua propia, consiste tamén, como empresa, en asumir compromisos e facela visible na nosa comunicación interna e externa.

E nese camiño seguiremos avanzando.

Compartimos aquí o noso discurso.

Pazo de Fonseca, 10 de outrubro de 2023

No dicionario da Real Academia Galega hai 3 acepcións para a palabra perillo.

Falta unha cuarta, que é esa boliña de carne que hai entre os chourizos, que serve de separación entre eles, para que queden mellor feitos e a tripa non se desfaga.

Perillo é unha palabra que eu deixei de escoitar hai moito, cando as traballadoras que levaban na empresa máis de 40 anos, comezaron a xubilarse.

Tamén deixei de escoitar a palabra baraza.

Cando se empaquetaban os untos, antes de levalos ao fumeiro, era importante apretar ben a baraza que os ataba, para que a forma do unto non se desfixese.

A miña avoa facía as agullas coas que se ataban os chourizos con pólas de castiñeiro, quitáballes a tona cunha navalla, ata deixar a madeira branca. Despois collía un nobelo, tiraba del o fío e enrolábao na agulla. Mais non de calquera xeito, as primeiras voltas case de extremo a extremo do pau, deixando unha marxe para que o fío non saíse, e despois sempre minguando cara o centro. Cada vez escoito menos a palabra nobelo.

Coma esas hai outras palabras que forman parte da miña infancia vinculada ao negocio familiar como romana, artesa, funil… cuxo significado, por exemplo, é totalmente descoñecido para a miña filla ou a miña afillada, porque son doutro tempo.

O ano próximo, no 2024, Embutidos Lalinense, asentada no lugar de Agruchave, no concello de Lalín, celebra o seu 75 aniversario.

Foi o noso avó Amancio quen no ano 1949, despois dunha experiencia pouco afortunada na emigración, tivo a idea de comercializar carne de porco nun momento no que os seus amigos e veciñanza lle dixeron que estaba tolo, que viña con modernidades das Américas, que porcos se mataban en todas as casas, e que ese negocio non ía durar. Afortunadamente non desistiu no empeño.

Foron os seus fillos, Nilo e Alfonso, ao longo de máis de 50 anos, os que converteron ese humilde proxecto nunha empresa moderna, que na actualidade conta cun cadro de persoal do redor de 80 persoas. De Nilo herdei o amor pola nosa lingua.

Embutidos Lalinense é xestionada hoxe pola terceira xeración, que mantén o espírito dos que nos precederon, sendo quen de introducir as máis punteiras liñas de investigación e desenvolvemento, sendo pioneira por exemplo na fabricación de produtos como o cocido ou o lacón con grelos en conserva.

Cada vez átase menos con perillo, xa ninguén di baraza cando empaqueta os untos, nin amasamos nunha artesa…

Será difícil coutar a perda de palabras que obedecen a realidades doutro tempo. Pero si podemos acometer accións que axuden a darlle normalidade e a prestixiar o galego.

Hai uns anos as redes sociais de Embutidos Lalinense estaban en castelán, non había ningún produto etiquetado en galego, ningún veículo rotulado en galego, a publicidade facíase en castelán e así un longo etcétera de exemplos.

Era isto normal nunha empresa que vive e traballa en galego? Non.

Había unha actitude de rexeitamento a realizar a comunicación tanto interna como externa en galego? Tampouco.

Simplemente facía falta dar o paso. Convencer, primeiro internamente, de que non só é posible vender e comunicar en galego, senón que iso é ademais un valor engadido. O que nos diferencia dunha empresa cárnica de calquera outra parte do Estado. O que nos conecta tamén cos nosos clientes.

E ese proceso acometémolo nos últimos anos. O primeiro produto etiquetado en galego foi o Kit Antimorriña, ao que seguiron as conservas de cocido e lacón con grelos, os chourizos, a nosa marca O larpeiro, co que envasamos grelos, queixo, etc

Hoxe máis ca nunca somos conscientes da responsabilidade que temos como empresa, non só de facer ben o noso traballo, senón tamén a de ser transmisores da lingua de noso: na etiquetaxe, na comunicación interna e externa: redes sociais, cartelaría, anuncios, vallas publicitarias, rotulación de vehículos, etc porque nos recoñecemos e nos sentimos inmensamente orgullosas e orgullosos de ter lingua propia.

Para unha moza de Agruchave, estudante de Filoloxía en Santiago, que polos anos 90 case non tiña libros, unha das iniciativas que máis feliz me fixo, foi ir recibindo os exemplares dos Contos do Castromil e ilos coleccionando. Moitas grazas a Ramón Castromil, hoxe homenaxeado e representado aquí por Carmiña e a súa familia, por inzar as nosas viaxes con palabras e historias. E por deixar un ronsel de galeguidadade non só naqueles libros, senón tamén en nós mesmas.

E a Xosé González Martínez, porque da súa alianza con Ramón Castromil saiu esa fermosísima iniciativa da galeguización integral da empresa. E polo seu inquebrantable compromiso coa lingua, por sacala das artesas, romper as barazas que a limitan e levala ao mundo empresarial.

Porque si, é posible, desde Galiza, en galego, vender cacheiras, xamón cocido, ou chourizos, con perillo ou sen el, para o resto do mundo.

Moitas grazas.