Inauguramos unha sección de entrevistas no blogue de Embutidos Lalinense coas palabras de Lito Andión, xerente da cooperativa agraria Hoxe. Nela, dedícanse á elaboración de queixos co leite dos seus gandeiros, realizando un seguemento completo do proceso de produción. Na nosa tenda online temos o queixo cremosiño A Queixeira.
Cando se creou a cooperativa? Cooperativa Hoxe é unha sociedade cooperativa fundada no ano 1971 por gandeiros e labregos da comarca do Deza. Foron máis dun cento de socios adiantados ó seu tempo, que decidiron transformar o seu leite noutro produto lácteo con valor engadido (o queixo). A cooperativa pasou por momentos moi duros, pero por sorte, segue viva e a piques de cumprir 50 anos.
Como definides a vosa cooperativa? Somos unha cooperativa, polo que vemos a empresa doutro xeito. Ademais de transformar o leite, que é o do que viven os nosos gandeiros, temos moi presente a responsabilidade social cos nosos traballadores e coa poboación. Queremos axudar a construír unha sociedade máis xusta, sen esquecer o respecto ó medio natural e poñendo en valor a cultura da nosa terra.
A Queixeira é un producto que vendemos nas nosas tendas, que ten de especial este produto? O noso queixo está elaborado con leite de explotacións familiares de tamaño medio ou pequeno, que fan pastoreo de gando todo o ano. Nós controlamos o produto dende a orixe, e poñémoslle amor a todo o proceso. Outras queixerías non poden dicir o mesmo.
Cal é o voso produto estrela? Non sabería dicirche cal é, pero podemos indicar que con tres gamas de produtos cubrimos o 90% da nosa produción de queixos. O queixo de Barra NENO, en distintos formatos; o queixo Arzua Ulloa HOXE DEZA tanto en pequeno como para acorte en charcutería e o queixo cremosiño, marca Cremosiño Nai como A Queixeira.
De que maneira estades sufrindo a situación que nos toca vivir neste momento? Por sorte, nós non estamos a sufrir como outras empresas do noso sector esta pandemia. A nosa venda está moi diversificada, e se ben é certo que perdemos beneficios en hostalaría e tendas gourmet, aumentamos a cota de mercado en supermercados. Pero como todos, imos sufrir as consecuencias sociais e económicas que se produzan na sociedade.
Pensades que esta situación vai modificar no futuro o modo de produción e consumo alimentario? Pois supoño que si. Por unha parte, a xente prefire facer a compra online e deixar de ir as tendas de forma habitual. Por outra, aumentaron moito as vendas de bandexas de liscos de queixos e produtos envasados en filme, o que dificulta a eliminación do plástico no envasado.
Unha frase ou pensamento de cara aos novos tempos? Pois aínda que é moi recorrida nestes momentos, NUNCA CHOVEU QUE NON ESCAMPARA!!!! Moita forza e para diante sempre.