Delicias da comarca: requeixo de Pazo de Anzuxao

Hoxe falamos con Javier Sampayo Menéndez, xerente de Lácteos Anzuxao SL. empresa dedicada ao sector lácteo, cunha produción baseada no queixo DO Tetilla, queixo DO Arzúa Ulloa, Requeixo, queixo Semigraso e o queixo curado Señorío de Anzuxao. Todos elaborados con leite de vacas pastoreadas na comarca do Deza.

Javier Sampayo
Javier Sampayo coa súa filla Noelia

Cando se fundou a empresa e quen foi o fundador/a? A empresa fundouse no ano 1969, xa cumprimos 51 anos. A fundadora foi a miña nai, Josefina Menéndez Vázquez.

Como definides a vosa empresa? A nosa é unha empresa familiar vinculada ao entorno no que vivimos e que se fundamenta no bo facer e na calidade dos produtos.

Cal é o voso produto estrela? Non sabería destacar un máis que outro: para nós, os nosos produtos son como uns fillos para unha nai, non hai predilección por ningún.

Requeixo Pazo de Anzuxao
Requeixo Pazo de Anzuxao

Que diferenza o voso Requeixo doutros? Que características destacarías del? (produto dispoñible na nosa tenda online) O noso requeixo é un produto totalmente natural e sen conservantes, elaborado seguindo a receita tradicional galega. Moi recomendable para unha alimentación saudable.

De que maneira estades sufrindo a situación que nos toca vivir neste momento? Esta situación está claro que non beneficia a ninguén. No noso caso, onde máis notamos a crise actual é na nosa tenda física, por razóns obvias, e na distribución do canal horeca. Polo demais, as vendas a particulares seguen na mesma liña que antes do confinamento, continuando co servizo das nosas 10 rutas de venda en Galicia e por suposto coidando todas as medidas de seguridade e hixiene. Agradecemos aos nosos clientes a confianza que manteñen nos produtos Anzuxao.

Pensades que esta situación vai modificar no futuro o modo de produción e consumo alimentario? Desexamos que non se vexa afectada de ningunha maneira polo ben de todos, aínda que teremos que saber adaptarnos aos cambios que poidan vir no futuro.

Unha frase ou pensamento de cara aos novos tempos? Cremos que esta situación vai a facernos máis fortes en moitos aspectos da vida; vainos ensinar a valorar máis e mellor a sanidade, a natureza e sobre todo, o cariño dos nosos.