Embutidos Lalinense recibiu o premio Bacelos de prata 2025 como recoñecemento ao compromiso coa lingua galega na histórica Adega do Pazo dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), o pasado 4 de outubro. Nesta XVII edición foi tamén premiada Adegas Bordel (Abegondo, A Coruña), nunha celebración que quere recoñecer a visibilidade da lingua galega no eido empresarial. Presidido polo Secretario Xeral da Lingua, Valentín García Gómez; o alcalde de Ribadavia, César Fernández Gil; e o presidente da Asociación Álvaro das Casas, Avelino Muleiro García o evento reuniu a representantes institucionais, empresas e público.
A presentación correu a cargo de Xosé Carballido Présas, coordinador da Irmandade Galega de Adegueiros e Agroalimentarios, quen deu paso á lectura da acta do xurado a cargo da secretaria da asociación, Carme Pérez Vaquero.
Os Premios Bacelos de Prata recoñeceron este ano o labor de Embutidos Lalinense segundo consta na acta do xurado » pola súa traxectoria e pola integración plena do galego na comunicación empresarial, etiquetaxe e imaxe corporativa».
Este recoñecemento súmase a outros como o premio á Galeguidade empresarial outorgado polo Foro Enrique Peinador e o premio ao uso do galego pola Asociación de Empresarios do Deza.
A música do grupo Abril -formado por Claudia Abril e Marina Carpente- puxo a banda sonora a unha celebración que reivindica o galego como lingua de calidade, innovación e identidade no sector agroalimentario galego.
Moitas grazas á Irmandade Galega de Adegueiros e Agroalimentarios por este recoñecemento.
Na foto de grupo compartida desde Galeguizar Galicia está tamén Xosé González Martínez presidente do Foro Enrique Peinador.



