Abel Mato herdou a paixón polo mundo das abellas do seu pai e do seu avó, e semella que o seu fillo Martiño, de seis anos de idade, vive con entusiasmo esta afección. Aínda que non é a actividade económica principal, non por iso é menos importante . Hoxe sabemos máis sobre o Mel de Antoxo do Carrio.
Cando e quen comezou a dedicarse ao mel? Non sabería precisar unha data exacta, pero hai arredor duns 60 anos. O que empezou neste mundo apaixoante foi o meu querido avó José que, por certo, era carpinteiro. Inicialmente só tiña cortizos, dado que naqueles tempos aínda non existían as colmeas industrias mod. Layens e Langstroth; despois conxuntamente co meu pai construíron de forma artesanal colmeas tipo layens, para cambiar posteriormente ao modelo que actualmente ten máis uso, xa que posibilita un mellor manexo e coidado das abellas. A memoria fotográfica faime recordar cando era pequeno e tiñamos 13 colmeas…
Cal é a vosa produción? Ao ser máis unha afección ca un traballo do que vivir, só nos permite centrarnos na produción e comercialización de mel. Ó non ter o tempo suficiente para dedicarlle só temos unhas 50 colmeas das que obtemos aproximadamente unhos 800-900 kg de mel ó ano. Co tempo gustaríanos comercializar pole, a ser posible fresco. A colmea ten moitas posibililidades, das que obter produtos con importantes propiedades como a xalea real, propóleo e pole, tendo todos eles infinidade de aplicacións.
Cal é o voso produto estrela? Só comercializamos mel en envases de 1 kg e ½ kg. O noso mel ten as características dun mel multifloral cunha porcentaxe importante que ronda o 35% de mel de castiñeiro, segundo as análiticas que facemos tódolos anos unha vez rematamos a colleita.
Como definirías esta empresa? É unha empresa integramente familiar, na que agora mesmo sen a axuda dos meus pais non sería posible manter a cantidade de colmeas que temos. Xeralmente descoñécese o traballo inxente que supón este fermoso mundo das abellas durante todo o ano, os cales van dende coidados sanitarios de enfermidades varias, reposición de material deteriorado, alimentación das colmenas no inverno, postura de alzas e recollida do mel. E por desgraza dende hai unha serie anos temos un traballo maior e moi desagradecido que é combater os danos que ocasiona a vespa velutina nas nosas colmeas.
Que destacarías do mel Antoxo do Carrio que vendemos nas nosas tendas e na nosa tenda online ? Para quen non o coñeza dicir que gusta porque é un mel suave, sen ningún tipo de proceso que altere as súas propiedades naturais. As analíticas indican que posúe unha taxa moi salientable de minerais, dando como resultado un alto valor nutricional. O feito de ter unha porcentaxe de mel de castiñeiro fai percibir sabores a madeira con toques salgados e amargos. Que vou dicir eu, que é exquisito!
De que maneira estades sufrindo a situación que nos toca vivir neste momento? Pois preocupa, xa que o feito de que o sector da hostalaría no estea funcionando afecta de forma importante á venda de mel. No momento que se declarou o estado de alarma pertence a época de maior consumo do ano, e na nosa zona é moi demandado para as sobremesas que forman parte do Cocido de Lalín (filloas, requeixo e incluso o queixo), polo tanto as vendas diminuiron considerablemente.
Pensades que esta situación vai modificar no futuro o modo de produción e consumo alimentario? Posiblemente, non sei se tanto na produción, pero creo que se lle vai dar máis importancia ó produto de proximidade, de calidade e que conte cunha etiquetaxe e trazabilidade garantizada.
Unha frase ou pensamento de cara ós novos tempos ? Déixame pensar… voume inspirar no mundo das abellas ! Traballando unidos, organizados como unha colmea, podemos acadar todas as metas que nos propoñamos.