Tes ganas dun bo cocido pero non sodes moitas persoas á mesa? Non te preocupes! Un número reducido de comensais non é suficiente impedimento para non poder desfrutar deste manxar. Ademais, para que existen os tuppers? 😉
Toma nota e a cazolear!
INGREDIENTES: (PARA 4 PERSOAS)
- 1 Laconcito 100% duroc afumado
- 1 careta curada (lista para cocer)
- 1 anaco de panceta madre curada
- 2 chourizos curados Extra
- 2 chourizos de cebola
- 1 anaco pequeno de unto
- ½ kg de falda de tenreira
- 200 g de garavanzos
- 200 g de fabas
- 1 kg de grelos
- 2 repolos
- 1 kg de patacas

ANTES DA PREPARACIÓN:
Pódese un día antes de facer o cocido, lavar coidadosamente a carne de porco en auga quente e posteriormente poñela a desalar en auga fría. Pero este paso é prescindible, xa que tanto o laconciño como a cabeza non precisan desalgar.
Os garavanzos e as fabas deben poñerse a remollo mínimo 12 horas antes da súa preparación.
*Truco infalible: os tempos son variables, así que cómpre ir mirando o estado de cocción de todos os ingredientes.
PREPARACIÓN:
Lavar a cabeza e poñela nunha pota con auga e deixala ferver durante durante 5 minutos. Cambiar a auga e deixala cocer durante 2 horas aprox.
Noutra pota poñer a cocer un anaco de unto co laconciño e a panceta durante unha hora e media. Engadir os chourizos e os ceboleiros (ollo cando non ferva o caldo para que non rompan) e seguir cocendo. Con este caldo coceremos posteriormente a verdura e as legumes.
Escaldamos os grelos para quitarlles o sabor amargo (metelos en auga fervendo e deixalos un par de minutos) e reservámolos ben escorridos.
Hai que ir comprobando a cocción das carnes para retiralas a outra pota cun fondo dese caldo de cocción. Imos engadindo caldo para que a carne que retiramos e xa está no seu punto non se seque, e poidamos quentala chegado o momento.
Cocemos no caldo da carne os grelos, xa escaldados, coas patacas, o repolo e as fabas durante media hora máis ou menos. Noutra pota, con máis caldo, cocemos os garavanzos durante corenta minutos aproximadamente. Ir comprobando o estado da cocción cada pouco tempo.
Unha vez cocido todo, servimos en distintas fontes: nunha, a verdura coas patacas enteiras e as fabas; noutra, os chourizos e os garavanzos e noutra, a carne de porco troceada.
Servir ben quente e a desfrutar!




