Embutidos Lalinense celebra o seu 75 aniversario

Así recollen diferentes medios de prensa a celebración en 2024 do noso aniversario.

https://www.laopinioncoruna.es/empresas-en-coruna/2024/02/02/embutidos-lalinense-celebra-o-seu-97653674.html

https://www.farodevigo.es/empresas-en-vigo/2024/02/02/embutidos-lalinense-celebra-o-seu-97654236.html

Embutidos Lalinense está de celebración e non é para menos. Esta empresa familiar, asentada no lugar de Agruchave, en Lalín, celebra 75 anos de existencia. Por se este fito non fose suficiente, cúmprense 20 anos da inauguración da tenda gourmet que teñen en Lalín e dentro dunhas semanas inaugurarán a remozada carnicería que teñen en Agruchave, “temos que celebrar que chegamos ata aquí, froito do traballo dos que nos precederon, pero tamén da vontade e do compromiso por facelo cada vez mellor; esta carnicería de Agruchave, no rural, vai supoñer tamén unha declaración de intencións, cun espazo moi atractivo e cómodo, que empata coa nosa orixe, pero tamén vangardista, por todo o que queremos ofrecer. E queremos compartir estes motivos de celebración coa nosa veciñanza e clientela”, comenta Cruz López, responsable de comunicación da empresa.

Corría o ano 1949 cando un dos socios fundadores, Amancio López, decidiu que podía ser unha boa idea a comercialización de carne de porco. Este humilde proxecto foi transformado polos seus fillos Nilo e Alfonso López nunha empresa consolidada no mercado galego, referente pola súa calidade, á que a terceira xeración lle imprimiu unha impronta innovadora, modernizada, e en expansión, no referente a puntos de venda como no seu catálogo online.

A firma é un referente pola calidade da materia prima relacionada co cocido, polo salgado e a curación da carne

Ao catálogo de produtos tradicionais derivados do porco, fóronse sumando ao longo dos anos novas referencias como os friames cocidos, as conservas de cocido e lacón con grelos, ou máis recentemente os asados. “Hai moito traballo, dedicación e investigación detrás de cada novo produto que presentamos ao mercado; non temos présa, buscamos a excelencia no resultado” comenta Alfonso López, director comercial de Lalinense, que explica que “a innovación esténdese tamén á aposta por produtos cada vez máis saudables, con menos sal, graxa ou conservantes; con escasa presenza de glute ou lactosa, para evitar problemas de intolerancias alimentarias. Neste 2024 lanzaremos novas liñas de produtos de quinta gama e conservas. Pero non só niso, a maioría dos nosos provedores están certificados en benestar animal, e todo ese compromiso co proceso nótase”.

Embutidos Lalinense é un referente pola calidade da materia prima relacionada co cocido, polo salgado e curación da carne “no resultado dun bo cocido a carne de porco xoga un papel decisivo e nós niso somos expertos. Nos tempos de curado, e segundo o caso, de afumado das carnes. No noso abano de clientes hai desde Estrelas Michelín e profesionais moi recoñecidos, a establecementos tradicionais, e en todos a mesma preocupación pola calidade”.

Á pregunta de que produto destacaría e qué factores foron claves para chegar aos 75 anos, López teno claro “ o noso chourizo extra é inconfundible; é o buque insignia da nosa empresa. Creo que parte do éxito débese á fidelidade da nosa clientela, ao pequeno comercio, as tendas e carnicerías de barrio, á hostelería, e por suposto, ao consumidor final, que coa súa decisión de compra, está valorando a relación calidade/prezo. Incrementamos nun 11% a facturación respecto ao exercicio anterior”.