Delicias da comarca: mel Antoxo do Carrio

Abel Mato herdou a paixón polo mundo das abellas do seu pai e do seu avó, e semella que o seu fillo Martiño, de seis anos de idade, vive con entusiasmo esta afección. Aínda que non é a actividade económica principal, non por iso é menos importante . Hoxe sabemos máis sobre o Mel de Antoxo do Carrio.

Abel Mato e o seu fillo Martiño

Cando e quen comezou a dedicarse ao mel? Non sabería precisar unha data exacta, pero hai arredor duns 60 anos. O que empezou neste mundo apaixoante foi o meu querido avó José que, por certo, era carpinteiro. Inicialmente só tiña cortizos, dado que naqueles tempos aínda non existían as colmeas industrias mod. Layens e Langstroth; despois conxuntamente co meu pai construíron de forma artesanal colmeas tipo layens, para cambiar posteriormente ao modelo que actualmente ten máis uso, xa que posibilita un mellor manexo e coidado das abellas. A memoria fotográfica faime recordar cando era pequeno e tiñamos 13 colmeas…

Cal é a vosa produción? Ao ser máis unha afección ca un traballo do que vivir, só nos permite centrarnos na produción e comercialización de mel. Ó non ter o tempo suficiente para dedicarlle só temos unhas 50 colmeas das que obtemos aproximadamente unhos 800-900 kg de mel ó ano. Co tempo gustaríanos comercializar pole, a ser posible fresco. A colmea ten moitas posibililidades, das que obter produtos con importantes propiedades como a xalea real, propóleo e pole, tendo todos eles infinidade de aplicacións.

Cal é o voso produto estrela? Só comercializamos mel en envases de 1 kg e ½ kg. O noso mel ten as características dun mel multifloral cunha porcentaxe importante que ronda o 35% de mel de castiñeiro, segundo as análiticas que facemos tódolos anos unha vez rematamos a colleita.

Mel Antoxo do Carrio
Mel Antoxo do Carrio

Como definirías esta empresa? É unha empresa integramente familiar, na que agora mesmo sen a axuda dos meus pais non sería posible manter a cantidade de colmeas que temos. Xeralmente descoñécese o traballo  inxente que supón este fermoso mundo das abellas durante todo o ano, os cales van dende coidados sanitarios de enfermidades varias, reposición de material deteriorado, alimentación das colmenas no inverno, postura de alzas e recollida do mel. E por desgraza dende hai unha serie anos temos un traballo maior e moi desagradecido que é combater os danos que ocasiona a vespa velutina nas nosas colmeas.

Que destacarías do mel Antoxo do Carrio que vendemos nas nosas tendas e na nosa tenda online ? Para quen non o coñeza dicir que gusta porque é un mel suave, sen ningún tipo de proceso que altere as súas propiedades naturais. As analíticas indican que posúe unha taxa moi salientable de minerais, dando como resultado un alto valor nutricional. O feito de ter unha porcentaxe de mel de castiñeiro fai percibir sabores a madeira con toques salgados e amargos. Que vou dicir eu, que é exquisito!

De que maneira estades sufrindo a situación que nos toca vivir neste momento? Pois preocupa, xa que o feito de que o sector da hostalaría no estea funcionando afecta de forma importante á venda de mel.  No momento que se declarou o estado de alarma pertence a época de maior consumo do ano, e na nosa zona é moi demandado para as sobremesas que forman parte do Cocido de Lalín  (filloas, requeixo e incluso o queixo), polo tanto as vendas diminuiron considerablemente.

Pensades que esta situación vai modificar no futuro o modo de produción e consumo alimentario? Posiblemente, non sei se tanto na produción, pero creo que se lle vai dar máis importancia ó produto de proximidade, de calidade e que conte cunha etiquetaxe e trazabilidade garantizada.

Unha frase ou pensamento de cara ós novos tempos ? Déixame pensar… voume inspirar no mundo das abellas ! Traballando  unidos, organizados como unha colmea, podemos acadar todas as metas que nos propoñamos.

Delicias da comarca: requeixo de Pazo de Anzuxao

Hoxe falamos con Javier Sampayo Menéndez, xerente de Lácteos Anzuxao SL. empresa dedicada ao sector lácteo, cunha produción baseada no queixo DO Tetilla, queixo DO Arzúa Ulloa, Requeixo, queixo Semigraso e o queixo curado Señorío de Anzuxao. Todos elaborados con leite de vacas pastoreadas na comarca do Deza.

Javier Sampayo
Javier Sampayo coa súa filla Noelia

Cando se fundou a empresa e quen foi o fundador/a? A empresa fundouse no ano 1969, xa cumprimos 51 anos. A fundadora foi a miña nai, Josefina Menéndez Vázquez.

Como definides a vosa empresa? A nosa é unha empresa familiar vinculada ao entorno no que vivimos e que se fundamenta no bo facer e na calidade dos produtos.

Cal é o voso produto estrela? Non sabería destacar un máis que outro: para nós, os nosos produtos son como uns fillos para unha nai, non hai predilección por ningún.

Requeixo Pazo de Anzuxao
Requeixo Pazo de Anzuxao

Que diferenza o voso Requeixo doutros? Que características destacarías del? (produto dispoñible na nosa tenda online) O noso requeixo é un produto totalmente natural e sen conservantes, elaborado seguindo a receita tradicional galega. Moi recomendable para unha alimentación saudable.

De que maneira estades sufrindo a situación que nos toca vivir neste momento? Esta situación está claro que non beneficia a ninguén. No noso caso, onde máis notamos a crise actual é na nosa tenda física, por razóns obvias, e na distribución do canal horeca. Polo demais, as vendas a particulares seguen na mesma liña que antes do confinamento, continuando co servizo das nosas 10 rutas de venda en Galicia e por suposto coidando todas as medidas de seguridade e hixiene. Agradecemos aos nosos clientes a confianza que manteñen nos produtos Anzuxao.

Pensades que esta situación vai modificar no futuro o modo de produción e consumo alimentario? Desexamos que non se vexa afectada de ningunha maneira polo ben de todos, aínda que teremos que saber adaptarnos aos cambios que poidan vir no futuro.

Unha frase ou pensamento de cara aos novos tempos? Cremos que esta situación vai a facernos máis fortes en moitos aspectos da vida; vainos ensinar a valorar máis e mellor a sanidade, a natureza e sobre todo, o cariño dos nosos.

Delicias da comarca: viño do Ribeiro Villa Paz

Javier Monsalve

Hoxe conversamos con Javier Monsalve, xerente da Adega Eloi Lorenzo. A súa aposta? Viños naturais, de calidade, elaborados de xeito artesanal, en harmonía co entorno como Villa Paz.

A adega conserva a naturalidade, nobreza e xenerosidade do seu fundador, o médico rural que lle dá nome á adega, moi querido na comarca, coñecido na Arnoia como «o médico dos pobres».

Cando se fundou a empresa? A Adega fundouna a miña avoa Paz Lorenzo no ano 1978, co nome de Villa Paz. Pero é no 2000 cando eu retomo a actividade abandonada dende  a morte da miña avoa. Tiven que restruturar o viñedo, e no ano 2006 saquei ao mercado o meu primeiro viño co nome do meu bisavó, Eloi Lorenzo.

Como definides a vosa empresa? Empresa familiar de subsistencia.

Cal é o voso produto estrela? Eloi Lorenzo Lado 100 % e Villa Paz Coupage.

Villa Paz
Ribeiro Villa Paz

Que diferenza o viño Villa Paz doutros? Que características destacarías del? (produto dispoñible na nosa tenda online) É un viño que parte dunha viticultura moi coidada onde as produccións máximas son de 8.000 kg por Ha. O noso obxectivo é o equilibrio na finca, preservando a vida natural do entorno.

De que maneira estades sufrindo a situación que nos toca vivir neste momento? Pois con moita incerteza en canto ao mercado internacional e ao da hostalaría nacional.

Pensades que esta situación vai modificar no futuro o modo de produción e consumo alimentario? Penso que si, o modo de vida e consumo ten que cambiar para que se faga sostible a vida no planeta. É necesario que a poboación cambie os seus hábitos de consumo para facer isto posible.

Unha frase ou pensamento de cara aos novos tempos?Estamos preparados para vivir en equilibrio coa natureza e co resto de seres humanos do planeta.

Delicias da comarca: queixos Hoxe

Inauguramos unha sección de entrevistas no blogue de Embutidos Lalinense coas palabras de Lito Andión, xerente da cooperativa agraria Hoxe. Nela, dedícanse á elaboración de queixos co leite dos seus gandeiros, realizando un seguemento completo do proceso de produción. Na nosa tenda online temos o queixo cremosiño A Queixeira.

Cando se creou a cooperativa? Cooperativa Hoxe é unha sociedade cooperativa fundada no ano 1971 por gandeiros e labregos da comarca do Deza. Foron máis dun cento de socios adiantados ó seu tempo, que decidiron transformar o seu leite noutro produto lácteo con valor engadido (o queixo). A cooperativa pasou por momentos moi duros, pero por sorte, segue viva e a piques de cumprir 50 anos.

Como definides a vosa cooperativa? Somos unha cooperativa, polo que vemos a empresa doutro xeito. Ademais de transformar o leite, que é o do que viven os nosos gandeiros, temos moi presente a responsabilidade social cos nosos traballadores e coa poboación. Queremos axudar a construír unha sociedade máis xusta, sen esquecer o respecto ó medio natural e poñendo en valor a cultura da nosa terra.

A Queixeira é un producto que vendemos nas nosas tendas, que ten de especial este produto? O noso queixo está elaborado con leite de explotacións familiares de tamaño medio ou pequeno, que fan pastoreo de gando todo o ano. Nós controlamos o produto dende a orixe, e poñémoslle amor a todo o proceso. Outras queixerías non poden dicir o mesmo.

Cal é o voso produto estrela? Non sabería dicirche cal é, pero podemos indicar que con tres gamas de produtos cubrimos o 90% da nosa produción de queixos. O queixo de Barra NENO, en distintos formatos; o queixo Arzua Ulloa HOXE DEZA tanto en pequeno como para acorte en charcutería e o queixo cremosiño, marca Cremosiño Nai como A Queixeira.

De que maneira estades sufrindo a situación que nos toca vivir neste momento? Por sorte, nós non estamos a sufrir como outras empresas do noso sector esta pandemia. A nosa venda está moi diversificada, e se ben é certo que perdemos beneficios en hostalaría e tendas gourmet, aumentamos a cota de mercado en supermercados. Pero como todos, imos sufrir as consecuencias sociais e económicas que se produzan na sociedade.

Pensades que esta situación vai modificar no futuro o modo de produción e consumo alimentario? Pois supoño que si. Por unha parte, a xente prefire facer a compra online e deixar de ir as tendas de forma habitual. Por outra, aumentaron moito as vendas de bandexas de liscos de queixos e produtos envasados en filme, o que dificulta a eliminación do plástico no envasado.

Unha frase ou pensamento de cara aos novos tempos? Pois aínda que é moi recorrida nestes momentos, NUNCA CHOVEU QUE NON ESCAMPARA!!!! Moita forza e para diante sempre.